ESPACIO+A Corrida do Galo do Entroido de Cobres

pechar


entrada A Corrida do Galo

 

O día estrela é, sen lugar a dúbidas, o Martes de Entroido, festividade local. Pola mañá, as “Madamas” e “Galáns” pecharán o seu percorrido para celebrar, pola tardiña, a tradicional Corrida do Galo; a cal comezará no momento en que as “Madamas” e “Galáns” fagan a súa entrada no recinto de festas coas súas músicas e bailes tradicionais. Daquela dará comezo a festa na que participa a mocidade do lugar, competindo e concursando en diferentes modalidades de xogos populares tradicionais, do que sen lugar a dúbidas destaca a “Corrida do Galo” tradición que se mantén só en Cobres.

 A Corrida do Galo é o acto principal deste gran día, onde xa antes os membros da comisión percorreron tódolos galiñeiros na procura do mellor galo, poñendo a disposición “dos vellos” quen son os encargados de coidar do galo e tentando que ninguén llo leve. Estes “vellos” da corrida, gardiáns do galo, sen unha roupaxe propia, coa cara cuberta como ben poidan, e armados con paus, estacas, fungueiros... baixan co galo coas patas atadas e fan coma se o soterraran nun burato feito para tal evento, tapándolle con terra tan só as patas.



Corrida do galo na vara. Finais dos 70. (Cedida por: A.C. Barqueiro)

Será esta cerimonia un simbolismo, un ritual, co que se quere por fin ás festas do Entroido. Sen embargo, a pesares da garda montada polos vellos arredor do animal, algúns mozos conseguen atrapalo e escapar con el. O xogo ten as súas regras, das que son sabedores tanto uns coma outros: para facerse có galo sen levar un pau, unha vez que un o colle terá que escapar con el ata pórse fora do alcance dos vellos e sen soltalo das mans. De pasalo galo a outra persoa, serán os gardiáns “os vellos” quen poderán actuar desapiadadamente có infractor. De feito, ten habido feridos en ocasións, pero fora deste día, queda todo esquecido, sen chegar a males maiores. No caso de que lles rouben o galo quedarán sen a comida de recompensa polo traballo de coidalo. Fai anos que deixouse de empregar un animal vivo, por razóns legais, hoxe en día é trocado por un saco cheo de area.
As outras modalidades de xogos tradicionais que se desenvolven á par das outras actividades son:

entroidoGalo no Río: unha vara de madeira engraxada, cruzada sobre o río por onde os participantes terán que cruzar a pe sen caerse para colle-lo galo que está suxeito á punta. Os que non o conseguen caen ao río sen ningunha recompensa, tan só a molladura nas frías augas de febreiro. O que o logre levará de premio un galo máis unha cantidade de diñeiro.

entroidoGalo na vara: consiste nunha vara de madeira de aproximadamente cinco metros de alto recuberta de graxa pola que os concursantes teñen que subir para poder facerse có galo que os agarda no máis alto. Quen o consiga levará de premio ademais do galo unha cantidade en metálico.

 

Galo no rio (Entroido de Cobres 2008)

 

subir