Arredor da celebración emerxe un mundo representativo de niveis sociais e roles, de xénero e posición económica, que se percebe tanto pola vestimenta común entre o grupo e diferenciadora do resto, como pola posición que ocupan nos pases, bailes e exhibicións:
  |
- Madamas: mulleres de posición social elevada, ocupan un lugar central no desenvolvemento do Entroido, cunha estética dirixida claramente a diferenciarse do resto.
- Galáns: homes que pola súa posición e situación económica ansían a busca de parella entre as Madamas, polo que destacan sobre o resto.
- Os de Branco: poden ser tanto homes ou mulleres que ocupan unha posición intermedia, inferior a das personaxes anteriores.
- Aldeáns: ocupan o último eslavón da cadea e representan o grupo maioritario da sociedade e tempo ao que se refire.
Ten o Carnaval de Cobres outros personaxes importantes que forman parte desta festa ancestral; A Corrida do Galo:
Comezamos polos vellos coidadores e gardiáns do Galo, elemento principal das tardes do martes de Antroido, que xunto cos mozos, que queren rouba-lo fan o que é a Corrida.
O predicador, personaxe enigmático que non revela a súa identidade, pero que no seu discurso fai critica de tódolos acontecementos ocorridos durante o ano non só nas parroquias de Sta. Cristina e San Adrián de Cobres, si non tamén de actos puntuais que ocorren no Concello; culturais, artísticos , políticos, deportivos sociais, etc. Este é, sen dúbida, outro dos grandes atractivos das festas, e no seu sermón repasará os acontecementos da vida social do Concello para mofa de moitos e vergoña duns poucos.
|
Tamén están as choronas, mulleres que vestidas de loito, choran amargamente as últimas horas da vida do galo, pois na corrida si é pillado polos novos, acaba no pucheiro e o artístico queimado.
 |