A Batalla de Rande.
 |
 |
 |
Reproducción da Batalla |
Grabado 1702 da batalla  |
Mapa da Ría de Vigo de 1706  |
En 1702, as nosas costas foron escenario dun dos máis cruentos combates navais que lembra a Historia de Europa. Por aquel entón, o continente debatíase nun conflicto de grandes dimensións, no que estaba en xogo a sucesión á Coroa de España.
A posibilidade de que Felipe de Anjou, neto do Rei Sol, accedese ó trono español, provocou a enérxica reacción das demais potencias, temerosas de ver unidos o poderío militar e económico francés co inmenso potencial do Imperio colonial español. O 11 de xuño deste mesmo ano zarpaba de La Habana, rumbo a Cádiz, a Frota de Indias: 19 galeóns españois, escoltados por 22 navíos franceses, transportaban o máis valioso cargamento que xamais cruzara o Atlántico. Pero mediada a travesía, descubriron que unha poderosísima escuadra anglo-holandesa os estaba agardando no Cabo San Vicente. Así que o almirante Manuel de Velasco, seguindo os consellos dun piloto galego, puxo rumbo á ría de Vigo, na que entraron o 22 de setembro. O comboi buscou refuxio na Enseada de San Simón, comezando inmediatamente os preparativos para a defensa: o paso de Rande foi obstruído por unha barreira de toros, cables e pequenas embarcacións, á vez que se reclutaban apresuradamente milicias para reforza-los dous pequenos fortes existentes a cada lado do estreito. Paralelamente, 1.200 carros do país foron requisados para transporta-las mercadorías a Madrid.
Un mes foi exactamente o tempo que tardou Rooke en descubri-lo paradoiro da Frota da Prata, e o 22 de outubro entraba na ría a escuadra máis grande que por aquí se tivese visto. O primeiro cometido dos anglo-holandeses era toma-los castelos de Rande e Corveiro, o que lograron o día seguinte sen grandes dificultades. Entón, comezou a gran batalla. A artillería francesa conseguíu conter ó adversario nos primeiros embites. Así foi ata que o "Torbay", buque insignia británico, e armado con picos, logrou rompe-la barreira que impedía o paso do estreito. A frota rival puido xa penetrar no fondo da ría, onde a falla de espacio para as manobras non deixou outro recurso que a abordaxe. A encarnizada loita corpo a corpo combinouse co uso de numerosos materiais incendiarios, provocando un espectáculo dantesco e arrepiante. A diferencia numérica entre unha escuadra e outra era moi grande, e aínda que os franceses se bateron valerosamente, a derrota fíxose inevitable. Foi entón cando o comandante da frota mercante española, que carecía de medios de defensa, ordenou afundi-los buques para evitar que caísen en mans inimigas. Moito se ten especulado sobre a posibilidade de que os galeóns españois se fosen a pique cargados de incontables riquezas, cimentando así a lenda do "Tesouro de Rande".
Ata o día de hoxe, foron numerosas as expedicións que o buscaron. É probable que a parte máis valiosa do cargamento tivese partido xa cara a Meseta, durante o longo mes que estivo a frota na ría. Sen embargo, non se pode descartar que unha parte importante permanecese aínda nas adegas das naves. Iso parecen indicar os catro millóns de pesos que levou o inimigo, e que xunto cos sete buques de guerra capturados e seis galeóns, constituíron un considerable botín.
O que si está fóra de toda dúbida é que a batalla de Rande foi unha carnicería. Do bando franco-español caíron 2.000 homes, mentres que os mortos ingleses e holandeses foron uns 800. Tamén está claro que foi un desastre para os derrotados. Os franceses perderon os seus mellores buques de guerra, e os españois quedáronse sen barcos para face-la carreira de Indias. E mentres o noso país procurou esquecer axiña tan amarga derrota (ó que contribuíu non pouco o relativo éxito no balance total da guerra, que permitíu a consolidación dos borbóns no trono), a victoria de Inglaterra e Holanda acadou enorme difusión en toda Europa, e foi celebrada durante longo tempo. A "Rúa de Vigo", en pleno centro londinense, segue a lembrar ós británicos a gran trascendencia que este feito de armas tivo, ó igual que Xulio Verne inmortalizou os tesouros de Rande na súa novela "20.000 leguas de viaxe submariña.

|