Festa declarada de interese turístico
  Para a veciñanza de Vilaboa, sobre todo das parroquias de Cobres, o Carnaval é vivido dun xeito moi especial xa que desenvólvese nestas datas unha festa de grande tradición. Polo que, todo o mundo quere ser partífice, un ano máis, a tan arraigada celebración, celebrándose coa ledicia e ilusión que merece para o goce de todos; visitantes habituais dos pobos limítrofes e turistas esporádicos.
O tradicional “Antroido Dos Cobres”, segundo escritos da época, remóntase a principios do século XVIII e debe a súa actual vixencia á tradición oral que foi transmitindo o interese e participación na festa de xeración a xeración. Esta herdanza cultural pasada de pais a fillos, de avós a netos logrou manter viva e presente unha celebración colectiva sorprendente e particular, tal e como é o de “Cobres”.

Hoxe en día, este Carnaval é un dos máis rechamantes, vistosos e atractivos dos que se desenvolven en Galicia. A súa singularidade procede tanto do mantemento dunha tradición única, coma de ser testemuña dun tempo pasado, o colorido da indumentaria empregada, o desenrolo de orixinais actividades como da alta participación e implicación dos asistentes que son, dalgún xeito, integrados na celebración.
Durante os días que se celebra o carnaval, de sábado a martes, dende as dez da mañá ata que se pon o sol, as “Madamas” e “Galáns” percorren distintos lugares das parroquias de Santa Cristina e San Adrián. Acompañados por unha charanga (gaiteiros), que ao son da música agasallan cos seus bailes aos presentes alí por onde van. Cos bailes, a música (xotas, muiñeiras, o agarradiño) e a popular Danza dos Cobres
–propia da zona- levan a festa de porta en porta a tódolos
veciños, especialmente a aqueles que por algún motivo (convalecencia, indisposición, etc) non poden asistir os tradicionais actos de celebración do Carnaval; incluso, una Madama acompañado polo Galán, entran na casa facendo emerxer o recordo dos tempos de mocidade.
En compensa polo reparto de ledicia perciben un donativo por facer posible esta realidade un ano máis. A recepción dun bo agasallo ou donativo importante é celebrada cunha tirada de fogos (segundo a cuantía votaranse máis ou menos fogos) que recoñecen o esforzo económico dese domicilio e, a vez, pretende predispoñer aos veciños das casas próximas a colaborar co Entroido . Estas sesións cérranse cunha actuación baixo a carpa ubicada en Riomaior, onde se celebran a meirande parte das actividades.
Actualmente, esta celebración é posible grazas á labor da Asociación Cultural Cobres que durante o ano, e con maior intensidade os meses próximos a data, preparan as vestimentas e bailes das Madamas e Galáns. Xunto coa colaboración e apoio do Concello de Vilaboa, outras institucións como a Deputación Provincial de Pontevedra... e a participación de tódolos veciños e visitantes que se suman, cada año, a celebración do Entroido.
O de Cobres é un carnaval que se diferenza de outros por ter unhas características especiais en función de:
- Antigüidade: é posible que veña dalgunha costume gremial cando nos séculos XV e XVI estaban no máximo esplendor en Galicia.
- Vestimenta: tanto polo colorido e resultado estético como polos nomes que se lle da os seus compoñentes.
- Compromiso: o sentido da responsabilidade que conquiren os habitantes das parroquias de Cobres coa celebración ten como efecto directo a implicación de todos veciños independentemente de idade, profesión, ideoloxía, etc.
- Carácter: o seu estilo lúdico folclórico dálle un colorido e unha personalidade diferente a todos os carnavais da Comunidade Galega conquerindo unha siña de personalidade dos veciños das parroquias de San Adrián e Santa Cristina de Cobres do Concello de Vilaboa.
- Natureza: os diferentes aspectos que engloban esta celebración lévanos a falar dun acto que vai máis aló do carnaval ao converterse nunha auténtica festa Lúdico-artístico-tradicional”.
- Continuidade: existe un continuo ao longo do ano cun punto de inflexión durante a celebración do carnaval. Ao remate da festa comezan os preparativos para o vindeiro Entroido... pódese dicir que remata un, e ao mesmo tempo que se ten presente, xa se comeza a pensar no seguinte.
|