Como é de agardar, existen outros elementos comúns ao propio Carnaval como son a diversión, a festa, cociñar, como dita a costume, a tradicional “cacheira do porco” e de doce “bandullo” (pastel feito con pan, ovos e pasas) ademais das coñecidas filloas e as tradicionais “orellas” (filloas de fariña e ovo en forma de orella de porco).

Orellas de Entroido:
Prepárase unha masa con fariña, ovos e leite. Déixase tapada en sitio morno dúas ou tres horas, gramándoa moito así que levede.
Esténdese unha capa o máis delgada posible e córtase en anacos rectangulares, fritindo estes en manteiga de vacas e espolvoreándoos con azucre.
De feito, coa apertura da Mostra Cultural faise unha degustación gratuíta destes doces típicos do Entroido.
A esta cociña específica destas datas e típica de Cobres, especialmente o “bandullo”, únese outra práctica moi arraigada que é a tradicional “Morada” coa que pasado uns días do peche do Entroido os veciños celebran, non tanto o remate da festa como o inicio dos preparativos para o Antroido do vindeiro ano.
A “Morada” pode definirse como unha comida de confraternidade na que participan todos aqueles que dunha ou outra maneira desempeñaron un papel importante no desenrolo do Entroido. Trátase dun encontro entre os veciños durante o que se leva a cabo un recoñecemento ao esforzo realizado, un premio á boa disposición de todos e un aplauso á concordia e entendemento que caracteriza estes días. Ao mesmo tempo significa o comezo da organización do seguinte "Antroido".

|