Está composta por un bo número de vivendas labregas tradicionais de planta rectangular, as máis delas moi alteradas. A maioría presenta dúas alturas con escaleira interior, tellado a dúas e catro augas de tella curva, paramentos a base de cachotes e perpiaño de tamaño irregular (con pedras de maior tamaño nos ángulos e no contorno dos vanos, como é habitual) e portas e ventás de dimensións variables.
Nela atopamos dous tipos de vivenda, as de tipoloxía claramente labrega, ligada a unha explotación agropecuaria –con construcións adxectivas anexas que desenvolven a edificación de forma lineal, ou ben arredor dun curral–, e as de construción máis recente, tipo bloque, levantadas con novos materiais. Son precisamente estas as maioritarias, o que contribuíu a depreciar considerablemente as calidades estético-ambientais do conxunto. Xa que logo, é o rueiro, a súa trama viaria, o principal valor urbanístico desta aldea por canto nos permite apreciar cal era o modelo residencial de ocupación do territorio da sociedade rural galega, cando a produción gandeira, agraria e forestal –con excepcionais incursións na actividade marítimo-marisqueira– en réxime de autoconsumo ocupaban á totalidade da poboación en idade de traballar.