A peregrinación portuguesa ten sido unha das rutas máis importantes no contexto da historia da peregrinación a Santiago. Portugueses e galegos do sur amosaron a súa grande devoción polo Apóstolo desde moi cedo. Este camiño entra en terras galegas polo municipio raiano de Tui para seguir polo Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures e Padrón, onde se une á Ruta máis antiga, a que recorreu o corpo de Santiago desde Iria Flavia ata Compostela. Ao seu paso por Vilaboa, o camiño atravesa as parroquias vilaboesas de Figueirido e Bértola, procedente de Ponte Sampaio. Despois de facer unha parada ante a capela de Santa Marta (construída no ano 1617), o peregrino proseguirá camiño en dirección a Pontevedra.