Posiblemente vinculada ás antigas salinas que explotaron os xesuítas na baía próxima, a casa da finca de Larache é un dos exemplos de arquitectura civil de carácter tradicional máis relevante de toda a parroquia de Santa Cristina.
Empoleirado na aba dun dos montes que van morrer á ría, o noso inmoble articúlase por medio de dous bloques edilicios que conflúen en forma de L, dando lugar a un patio exterior de forma rectangular que aparece definido pola construción dun alpendre –situado no flanco oposto ao volume que conta cunha lonxitude maior– que serve para resgardar carros, carruaxes e apeiros de labranza.