Ao redor da lagoa sitúase un dos parques forestais máis antigos de Galicia, o Parque da Natureza Lagoa de Castiñeiras, situado en montes comunais e xestionado pola Xunta de Galicia. Está rodeado dunha masa forestal creada a partir de mediados do século pasado pero que probablemente teña a súa orixe nas primeiras plantacións do plan de reforestación da provincia de Pontevedra, iniciadas no ano 1927. Actualmente o parque conta cunhas 70 ha de superficie repoboadas con castiñeiros, bidueiros, carballo americano e outras especies exóticas.

Dentro do parque atópase unha caseta de información e a Aula de Natureza de Coto Redondo, ambas as dúas xestionadas pola cooperativa Teixugo. No parque atópase un campo de varios enterramentos prehistóricos datados no Neolítico (cistas e mámoas), entre as que destaca a monumental Mámoa do Rei.

O conxunto megalítico da Chan de Castiñeiras é un dos campos de mámoas máis importantes de Galicia. 
De entre todos os enterramentos –a maior parte deles colectivos– destaca o coñecido como Mámoa do Rei, unha estrutura tipo dolmen (mesa grande de pedra en lingua bretoa) que destaca polas súas enormes dimensións. Trátase dunha cámara poligonal e corredor de acceso, con tres tramos perfectamente diferenciados. Foi restaurado e reconstruído no ano 2003.

Poucos metros ao Norte da Mámoa do Rei atopamos unha cista funeraria de planta trapezoidal realizada con grandes lousas de pedra de gran. Foi excavada polo arqueólogo Sobrino Lorenzo Ruza a mediados do século pasado. As dimensións do túmulo son de algo máis de dous metros de longo, 1 m de largura e 0,70 de fondo. Non conserva a tampa.

A mámoa nº 3 forma parte da mesma necrópole neolítica. Foi espoliada, tal e como evidencia a ausencia de pedra de cobertura e da maioría dos ortostatos, nome que reciben os esteos verticais que conforman a cámara mortuoria.

A mámoa nº 4 que conserva todos os esteos da cámara funeraria. Perdeu a tumulación de terra que a cubría, así como a pedra de cobertura a causa da actividade dos furtivos.

Por último, a mámoa nº 5 desta necrópole conserva un único esteo ou ortostato da cámara funeraria orixinal. Localízase deitado dentro do cono de violación, a cavidade en forma de cráter que ocupa o centro do monumento.