Laxe de granito de disposición case horizontal, situada na pista forestal que comunica os lugares dos Areeiros e Acuña. Foi afectada parcialmente por unha pala escavadora.
Na superficie da laxe obsérvanse numerosos motivos gravados: ferraduras, cazoletas, óvalos, círculos radiados, motivos en phi ou ballesta e cruces. Un destes derradeiros motivos presenta o suco máis fondo, polo que o seu gravado pode ser máis recente que os restantes. Foi documentada polos arqueólogos Antonio de la Peña e Fernando Carrera, dos que tomamos prestados os calcos e fotografías que ilustran esta ficha.