Localizado ao pé dun camiño tradicional, érguese sobre catro gradas superpostas de forma piramidal que rematan nun basamento de forma circular coas arestas refundidas, elemento no que se chanta un varal granítico oitavado que remata en altura nun capitel sen filiación estilística concreta, mais de vocación clasicista.
A cruz en si, carente de calquera caste de figuración, responde a un exemplar de cruz latina de sección cúbica e arestas dobremente molduradas. O seu notable grosor, similar ao do varal que a sustenta, confírelle ao conxunto un carácter rexo e estable, de sobria e varuda contundencia que o converte nun dos mellores exemplares da parroquia e o municipio todo.