O cruceiro é unha obra realizada polo Santeiro de Bértola –Eladio Martínez– no ano 1997. Labrado en pedra de granito, e dotado cun acabado moi orixinal, o seu remate concédelle a este singular elemento da arquitectura tradicional galega unha prestancia estética moi singular.
O seu varal arrinca dunha sección cuadrangular para achafranar progresivamente as súas arestas ata se transformar nunha columna circular. No terzo superior deste elemento o santeiro empraza unha imaxe cuasi-exenta da Santa Columba –patroa da parroquia–, erguida sobre un pedestal.
Precedido dun capitel profusamente labrado de tendencia papiriforme, o Cristo aparece cravado nunha cruz martirial. De expresión indolente, a figura do Fillo de Deus amosa notables desproporcións que desvirtúan unha representación, en liñas xerais, habilmente traballada, sobre todo no que respecta á minuciosidade dos detalles da súa anatomía (véxase o seu abdome, o pano púdico ou a coroa de espiños). O mesmo cabe dicir da figura de Sta Columba, onde a complexidade dos pregues que articulan a súa vestimenta revélanse como o elemento máis notable.