O Forno de Cal, situado entre as Puntas do Aradoiro e A Atravesada, é unha construción de cantaría granítica de moi boa calidade. O forno posúe unha forma troncopiramidal onde a trabazón dos muros corre a cargo dunha serie de nervaduras que articulan os lenzos murais partindo de cada un dos seus catro eixos angulares. A construción conta con catro ocos: dous aliviadoiros de pequenas dimensións e forma rectangular, o oco da cheminea propiamente dito –de forma circular–, así coma un último acceso a ras de chan cuberto por un arco de medio punto. Unha escaleira de dobre tramo comunica o nivel inferior co superior e dan do acceso ao aliviadoiro maior, que permanecía resgardado cunha porta de madeira.