Algúns investigadores sitúan no ano 1417 a data de construción do templo. Este amósase en forma dun edificio de planta en cruz latina con cruceiro e á bsida, tellado a dúas e tres augas segundo o caso, amáis dunha elegante espadaña situada no seu frontis.
A igrexa, erguida cun paramento de gran calidade, amosa unhas notables dimensións,
só parangoneables ás do templo de San Martiño.
Alleo a calquera caste de ornamentación ou motivo superfluo que altere a sobria concepción neoclásica do monumento, o templo de San Adrián destaca sobremaneira pola estilizada
formulación do seu frontispicio, de proporcionado deseño piramidal que desenvolve ao máximo as potencialidades apuntadas nas espadañas dos templos de Sto. André de Figueirido ou Sta Columba de Bértola. A diferenza destas igrexas, a espadaña de San Adrián adquire un plantexamento lanzal e agudo que tenciona proxectar en altura este elemento de maneira que se adecúe axeitadamente ao volume e dimensións de cada unha das restantes partes do templo. Grazas ao Padre Sarmiento (1695-1772), un afamado ilustrado galego, sabemos que na primeira metade do século XVIII o párroco desta freguesía quixera trasladar o igrexa, “que en tempos bañaba o mar, e os cangrexos entraban a comer ou mordiscar os cadáveres e a chupar os osos”. Os fregueses negáronse. “Pretextaban que alí descansaban os seus avós, e que con eles alí querían descansar: mirando con indiferencia que os comese a terra ou os cangrexos”.