A igrexa é un templo de planta en forma de cruz latina que chanta as súas orixes no primeiro terzo do S. XVI. Castiñeiras Guerra (1979) sitúa no ano 1528 a data da súa construción. O templo presenta unha fachada deseñada sen ningún tipo de ornamentación, a excepción do recercado levemente abucinado que amosa o portón de acceso, onde destacan unhas puntas de frecha angulares ou esquinais apuntados de disposición oblicua.
Sobre este oco, o frontispicio templario dispón unha serie de vanos axiais (fornelo coa santa avogada da parroquia e xanelo de forma rectangular) que atopan o seu cénit no corpo de
campás. Este, unha espadana triplemente perforada, contén dous sinos de tamaño desigual baixo dous arcos de medio punto no seu corpo principal, reservando o pequeno oco superior para destacar un efecto de pretensións meramente lumínicas. Ao pé do templo parroquial érguese a Casa Reitoral, que destaca polo seu canastro monumental de nove pares de pés e construído integramente en granito.