O templo parroquial de Sta Cristina foi construído no ano 1678 sendo abade da parroquia Antonio Figueroa y Lanços, sen ben o edificio actual é froito do traslado decidido polos habitantes que antano ocupaban as inmediacións da paraxe coñecida como O Cuarto (Castiñeiras Guerra; 1979). 
Desde o punto de vista estilístico o templo vólvenos remitir ás características xenéricas que ofrecen os demais edificios relixiosos vilaboeses: ausencia case total de ornamentación; tímidos apuntes estilísticos a base de pilastras suxeridas en volume; edificios de factura rústico-popular, dotados cun deseño feble que se conforma con erguer un edificio para o culto sen incorrer en fastos innecesarios; sobriedade e contundencia compositiva... todo isto dentro dun espírito xeral de gusto neoclásico.
A fachada, xunto con algún outro detalle presente nos paramentos secundarios, é o elemento máis relevante do edificio no que ao seu foro externo toca. Así, o eixo axial volve centrar toda a atención do espectador ao situar nel o portón de acceso, un óculo circular disposto a dous metros da clave do arco e, concluíndo en altura o edificio, unha espadana de notable desenvolvemento horizontal na que se abren dous grandes ocos.