O templo de Santo André amosa aínda claramente algunhas pegadas do seu pasado románico: as ventás en forma de seteiras, o opus vittatum dos seus vetustos muros –nomeadamente
os do lado norte–, algún canzorro figurado (unha figura sedente situada xusto no ángulo que forman o altar maior coa sancristía), así como un rudimentario e degradado Agnus Dei que se dispón no cumial da ábsida cunha cruz chantada no lombo.
O edificio templario sufriu unha remodelación moi notable probablemente a finais do XVII, tal e como sinala o epígrafe que loce un dos perpiaños da sancristía. Naquela intervención
adecuouse o estilo do templo ao gusto da época, un neoclasicismo sobrio, frugal no que a motivos ornamentais toca que, de non ser pola espadana, case nos faría confundir o edificio
relixioso con un civil. Isto que dicimos explícase pola pobre formulación dos seus caracteres arquitectónicos, onde as pilastras angulares, os recercados dos ocos –portón de entrada e
xanela superior–, xunto coa lene moldura que debuxa o frontón triangular que precede ao corpo de campás, veñen definidos por unha desnudez e elementalidade tal que, como xa apuntamos anteriormente, son máis propias dun inmoble laico que dun templo relixioso. O motivo desta parquedade ornamental, desprovista de calquera dos elementos arquitectónicos supérfluos que se estilaban nos séculos XVII e XVIII, débese seguramente, non ao gusto do momento, como dicimos, senón a os escasos recursos económicos da parroquia.
A espadana é, xunto cos canzorros, un dos elementos máis fermosos do conxunto.