San Martiño é un dos edificios neoclásicos de orixe románica máis destacados de todo o municipio. De planta rectangular e unha soa nave, a súa cuberta de madeira alterna cos arcos faixóns que a estruturan, e que atopan sustento nos contrafortes laterais cos que conta a nave. No que respecta á súa fachada esta é o signo máis evidente das reformas neoclásicas do século XIX. Enmarcada por senllas pilastras laterais rematadas en pináculos, que flanquean o frontón triangular no que se empraza a imaxe da advocación do templo, o corpo central presenta unha sucesión de elementos superpostos que rematan a súa proxección vertical no campanario que acolle os sinos templarios. A porta de entrada, o óculo de forma ovalada, xunto coa fornela que alberga a imaxe do xinete, que parte a súa capa en dous para lla ofrecer a un esmolante, preceden en altura a un corpo de campás composto por dous volumes de planta cúbica. Cada un deles aparece diferenciado en altura por molduras neoclásicas de distinto voo, que mesmo se permiten apuntar algún eco barroco. A utilización de novos apilastrados, xunto coa inclusión de denticulados e pináculos de vocación ornamental, complementan acertadamente os distintos corpos dunha torre que opta pola fórmula de composición arquitectónica máis común: a superposición de volumes e ocos que minorizan progresivamente o seu tamaño a medida que ganan en altura co fin de asegurar, baixo unha linguaxe artística axeitada, as propiedades tectónicas do edificio.