Levantado por detrás dunha mesa-altar de granito, o peto de ánimas do Toural lábrase en altorrelevo nun edículo de forma rectangular que redondea os seus ángulos superiores para conceder ao conxunto unha estruturación piramidal. Dentro dela represéntanse, en dous niveis, un par de escenas que ilustran os seguintes sucesos:
-Nivel Inferior: Un número indeterminado de monstros van situando os corpos dos condenados sobre unha grella martirial. A escena correspóndese co inferno, onde a maldade –representada polos protagonistas de facianas grotescas e chocalleiras- xunto co sufrimento –representado pola grella que fai pagar os pecados aos pecadores- danse cita como paradigma malévolo.
-Nivel Superior: As ánimas que están a piques de se redimiren na catarse do lume purificador son axudadas por dous anxos que se sitúan nos arcos rampantes laterais. No cénit a cabeza dun anxo con asas transmite ás ánimas en pena a vontade do Creador.
Por riba deste conxunto, e sobresaíndo en altura grazas a un pequeno fuste e un moldurado capitel, un singular Cruceiro acolle, unicamente, á imaxe da Virxe da Soedade, coas mans diante do peito en símbolo de oración pola salvación dos defuntos.