A confraría do Porto de Santa Cristina de Cobres, fundada en 2012, é a máis nova de Galicia. Aquí uns poucos homes e, sobre todo, moitas mulleres cultivan os bancos marisqueiros para producir berberecho, ameixa fina e xapónica ao longo do seu litoral. O seu produto, cando o mar deixa, comercialízase a bo prezo na lonxa do porto. O marisqueo a flote tamén é protagonista neste pequeno porto da Ría de Vigo que, nos últimos tempos, incluso empezou a traballar na elaboración de compost a partir das algas que recolle nos bancos marisqueiros. Neste porto a navegación deportiva e de lecer tamén ten o seu espazo da man do Club Náutico Cobres, unha institución fundada no ano 1983 que organiza cursos de vela, piragüismo e regatas. Se te achegas no verán poderás incluso navegar de noite, con lúa chea, pola enseada de San Simón.