O complexo das salinas do Ulló, que deixou de fabricar sal a principios da década de 1720, conta con dous grandes estanques rectangulares contiguos que se construíron aproveitando unha enseada natural do fondo da ría. No meirande, que se enchía aproveitando a forza das mareas, tiña lugar a evaporación dunha parte da auga grazas á acción do sol e á ventilación. Dentro do primeiro dos vasos a auga permanecía estancada durante uns 30 días ata atinxir os 18º aproximadamente, o que permitía a precristalización do sal. Unha vez que acadaba esta temperatura a auga trasladábase ao vaso rectangular contiguo, onde cristalizaba a unha temperatura 5º superior dentro de eiras ortogonais, o que permitía a súa colleita. Ao sur do Val do Ulló, no medio do bosque próximo, tamén se conservan en pé os restos do que antano fora a Granxa das Salinas, habitación principal dos moradores. Este edificio, ademais da distribución convencional (habitacións, cociña, lareira, forno...) tamén conserva os restos dunha singular capela disposta no centro do inmoble, mais o elemento máis relevante é sen dúbida a súa monumental lareira e cambota, toda ela labrada en perpiaño granítico de primeira calidade. Xunto a este edificio, outra casa de dous corpos que serviu de morada aos caseiros da finca.