Meses antes do comezo do Antroido os Maiordomos van na procura das Madamas , Galáns, as de Branco e Aldeanas, que van a formar o carnaval, e todos eles una vez que se comprometen, comezan a preparar as roupas, pois a súa confección a parte de ser custosa economicamente require dedicarlle moito tempo.
Algo que sempre sorprende ao visitante é que en Cobres, non se utilizan máscaras nin antefaces. Por tradición a cara vai descuberta permitindo enxalzar outros valores como a beleza das “Madamas” e a gallardía dos “Galáns”, sen esquecernos das fermosas mozas de branco e a louzanía e frescura de quén as acompaña, ou as engaiolantes e encantadoras Aldeanas que acoden á celebración.
No noso Entroido, a vestimenta cóidase con delicado esmero ata o último detalle de pulcritude; as cintas, os abelorios, os reloxos son elementos que dan vistosidade e acompañan aos suntuosos sombreiros –verdadeiras xoias artesanais- concibidos para a relaxación da vista grazas á policromía e perfecta harmonía das múltiples pezas que o compoñen.
Estes sombreiros, parte fundamental da vestimenta das “Madamas” e “Galáns”, chegan a pesar de 5 a 7 quilos, sendo os das “Madamas” os mais pesados pola cantidade de pequenos adobíos que con coidado e detalle son cosidos e pegados artesanalmente do mesmo xeito que se preparan as belidas cintas que colgan destes.
Temos que dicir que un sombreiro de Madama leva facelo mais dun mes dedicándolle un tempo diario, e non digamos o peitoril unha prenda de exquisita finura que xunto coa blusa e a saia branca ambas las dúas adornadas con cintas de cores e pasamanarías diversas, zapatos negros e medias finas, compoñen a vestimenta da Madama, sendo o do Galán unha vestimenta que resalta a similitude de cores co da Madama pois componse de sombreiro de flores con algunhas variantes sobre todo no peso do mesmo, pois é máis lixeiro co das Madamas, leva o Galán camisa branca con adornos de cintas de cores garabata encarnada, pano de seda que cubre a cintura ata os xeonllos, pantalón branco con liña lateral de cor vivo (bandeira galega ou española) e zapato negro.

Os de Branco a diferenza dos Galáns cobren a cabeza con unha pucha plana, tipo boina, de cor encarnada coas súas correspondentes cintas adornadas nos homes. Ocorrendo o mesmo nas mulleres, que con menos abaloiros e adornos que as Madamas levan a cabeza ao descuberto.
E por último as Aldeanas que forman o final da comitiva, van vestidas de diferentes oficios e costumes representado a clase mais humilde do pobo.

|